Este sitio web utiliza Cookies propias y de terceros de análisis para recopilar información con la finalidad de mejorar nuestros servicios, así como para el análisis de su navegación. Si continua navegando, supone la aceptación de la instalación de las mismas. El usuario tiene la posibilidad de configurar su navegador pudiendo, si así lo desea, impedir que sean instaladas en su disco duro, aunque deberá tener en cuenta que dicha acción podrá ocasionar dificultades de navegación de la página web.

[ACEPTAR]      [CÓMO CONFIGURAR]
DETALLE DE LA SUBVENCIÓN

Axudas a proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños (CONVOCATORIA ABERTA)

01 feb
2015
Axudas a proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños (CONVOCATORIA ABERTA)

DATOS DE SOLICITUDE:

Prazo de presentación : 30/01/2015 - 28/02/2015.

Uun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de resolución : Cinco meses

Sentido do silencio administrativo : Negativo

OBXECTO:

Esta orde ten por obxecto fixar o importe máximo, para o ano 2015, da convocatoria, para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas a proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño das súas especies.

As bases reguladoras desta convocatoria serán as fixadas pola Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar, do 19 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 145, do 31 de xullo).

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2015, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de agosto de 2015.

Poderán ser obxecto de subvención de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos, para garantir unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, que permita unha viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e as súas especies.

Os proxectos obxecto de subvención son:

a) Xestión de zonas de produción para a implantación de técnicas de semicultivo, elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción así como o seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros. As entidades beneficiarias de subvención por este concepto quedarán obrigadas á realización das actividades que se sinalan a continuación:
- Mostraxe dos bancos marisqueiros da área da entidade cunha periodicidade como mínimo semestral, de acordo coa importancia do banco, nivel de datos dispoñibles etc., salvo outra periodicidade requirida pola Administración.
- Mostraxes menos formais e máis frecuentes en bancos marisqueiros, atendendo principalmente á proporción de individuos de talle legal na poboación e ao tamaño medio dos exemplares.
- Remisión de informes das mostraxes aos servizos técnicos do departamento territorial correspondente da Consellería do Medio Rural e do Mar.
- Asesoramento á entidade para a explotación racional do recurso.
- Elaboración, xestión técnica e seguimento dos plans de explotación da entidade.
- Obtención da CPUE diaria de cada especie, a partir dos datos diarios do número de mariscadores e da captura total de cada especie-recurso para ter unha estimación indirecta do estado dos bancos.
- Remisión mensual dos datos ao departamento territorial para as aperturas mensuais.
- Envío de mostras do estado sanitario das augas e especies marisqueiras ao INTECMAR.
- Seguimento, control e planificación dos proxectos de rexeneración e mellora da produtividade.
- En xeral, seguimento das instrucións que sexan ditadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para a implantación e o seguimento das medidas de xestión.
- O inicio, interrupción ou finalización dos servizos de asistencia técnica deberá ser comunicado aos servizos técnicos da consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

b) Conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca.

As entidades beneficiarias de subvención por este concepto quedarán obrigadas a cumprir as actividades e condicións que se sinalan a continuación:
- O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo, especialidade de gardapesca marítimo.
- Os patróns e tripulantes de embarcacións cuxa dedicación non sexa a vixilancia, senón o manexo das embarcacións, deberán estar capacitados para facelo.
- O persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este, estando obrigados a remitir ao servizo os datos e informes que lles sexan requiridos.
- O inicio, interrupción ou finalización da prestación dos servizos deberá ser comunicado ao Servizo de Gardacostas da consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.
- Con antelación mínima dunha semana, o beneficiario deberá trasladar ao Servizo de Gardacostas a programación semanal das actividades de vixilancia e control. Con periodicidade mensual deberá dar traslado ao dito servizo dun informe das actividades realizadas.

c) Seguimento específico de actuacións de ámbito autonómico implementadas pola Administración que requiran dun proxecto colectivo para mellorar a súa eficacia. Estas actuacións estarán encamiñadas á xestión de pesqueirías de interese rexional que precisen dunha participación activa do sector extractivo. Este apartado pode incluír calquera das modalidades de proxectos definidos nos anteriores puntos a) e b) do artigo 6 da orde do 19 de xullo de 2013.

Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, nin os labores habituais de mantemento dos bancos, propios da actividade marisqueira ordinaria.

Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual que comprendan os exercicios orzamentarios 2013 e 2014 e coas limitacións recollidas no parágrafo 2 do artigo 7 da orde do 19 de xullo de 2013. A subvención que neste caso se conceda aterase aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Gastos subvencionables.

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:
a) Os de gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto.
b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos.
c) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións.

2. Consideraranse subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xullo de 2013 e o 31 de decembro de 2015. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou de ser o caso, na solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. O beneficiario poderá contratar con terceiros a actividade subvencionada ata o 100 %.

Non serán subvencionables os gastos relativos a:
a) Alugamentos.
b) A adquisición de terreos e inmobles.
c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.
d) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.
e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.
f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.
g) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.
h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.
i) O IVE, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.
j) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas na orde do 19 de xullo de 2013 , así como nas normas seguintes:
a) Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.
b) Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión do 26 de marzo de 2007, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento 1198/2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.
c) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
g) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.
h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Beneficiarios:

As confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:
a) Realizar as actividades para as que se conceda subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.
b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.
e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.
f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación ás subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
g) Facer constar expresamente a participación financeira do FEP en todas as actividades de difusión ou promoción relacionadas coa actividade subvencionada.
h) Manter os investimentos e/ou conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos dende a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.
i) Informar ao público sobre a axuda obtida, de conformidade co artigo 32 e 33 do Regulamento CE nº 498/2007 e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
j) Manter un sistema de contabilidade separado que permita coñecer as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 59.d) do Regulamento do FEP.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Requisitos:

Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades sinaladas no artigo 4.1 da orde do 19 de xullo de 2013 poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

DOCUMENTACIÓN:

  • Solicitude normalizada segundo o anexo I, acompañada da seguinte documentación:
    • a) Documentación acreditativa da personalidade:
      • a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
      • a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Medio Rural e do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.
    • b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:
      • b.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.
      • b.2) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto.
    • c) Orzamento detallado, de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II desta orde, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

      Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.3 da orde de bases reguladoras xerais.
    • d) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III desta orde.
    • e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III desta orde.
    • f) No caso de denegarse expresamente a obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e tamén certificación de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
    • g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:
      • g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.
      • g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.
  • No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), d), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.
  • A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

    A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

    As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

    Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

    No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

    Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a documentación que se vai presentar. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizala de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
  • As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

    Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.
  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Asemar, asesoría de empresas en Vilagarcía de Arousa relacionadas relacionadas con la pesca, el marisqueo, y la acuicultura. Asemar ofrece a sus clientes un asesoramiento especializado y diferenciado, que les permite la obtención de los mejores resultados dentro del ámbito de sus negocios. Informamos de las ultimas subvenciones, noticias de interes y de los cambios importantes en la legislación en lo que al sector del mar se refiere para ayudar a nuestros clientes en el desarollo de su actividad.