Este sitio web utiliza Cookies propias y de terceros de análisis para recopilar información con la finalidad de mejorar nuestros servicios, así como para el análisis de su navegación. Si continua navegando, supone la aceptación de la instalación de las mismas. El usuario tiene la posibilidad de configurar su navegador pudiendo, si así lo desea, impedir que sean instaladas en su disco duro, aunque deberá tener en cuenta que dicha acción podrá ocasionar dificultades de navegación de la página web.

[ACEPTAR]      [CÓMO CONFIGURAR]
DETALLE DE LA SUBVENCIÓN

PE120C - Axudas para investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático.(PECHADA)

01 mar
2017
PE120C - Axudas para investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático.(PECHADA)

Obxecto:

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á realización de actuacións por parte de propietarios de buques pesqueiros para fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.

Beneficiarios:

Persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas.

Requisitos:

1. Ser propietario dun buque de 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques e Empresas Navieiras.

2. O buque debe ter o seu porto base na Comunidade Autónoma galega e estar de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.

3. O buque para o cal solicita axuda debe ter constituído un seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.

4. No caso de buques cuxa primeira venda dos produtos que captura sexa en fresco e, polo tanto, obrigatoria en lonxa, o volume de vendas que se obteña da suma das notas de venda durante o ano anterior ao da convocatoria deberá ser superior ao 50 % da media obtida para ese porto base e polo segmento de frota que figura no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia (RBPG).

5. No caso de buques para os cales a primeira venda dos produtos que captura non sexa obrigada en lonxa, o buque debe dispor da autorización para realizar a dita venda e debe transmitilas ao órgano competente.

6. O buque non pode ter unha resolución desfavorable de regularización, salvo que posteriormente se regularizase, para o cal deberá asinar o anexo IV.

7. Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 12 desta orde e non poderán estar finalizados, con independencia dos pagamentos realizados antes da data de presentación da solicitude.

8. O investimento non poderá aumentar a capacidade de pesca do buque nin que o equipo aumente a capacidade de detectar peixe.

9. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

10. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Non ter cometido infracción grave:
- Da PPC definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.
- Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011 suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

12. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de 1995).

13. Non estea nin estivese nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

14. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

15. Á solicitude xuntarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 9 a 14 deste artigo.

16. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de bens. Tampouco poderán ser beneficiarias as sociedades civís, salvo que se constitúan en escritura pública ou documento privado e se manifesten, neste último caso, como sociedade civil ante a AEAT, mencionándoo así no acordo de vontades, en cuxo caso terán outorgado un NIF «J», que indica que os seus pactos non se manteñen en segredo.

Sen prexuízo do anterior, segundo o tipo de axuda, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Se a finalidade é «mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático»: debe ter investimentos recollidos no Regulamento (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014 (DOUE L86, do 31 de xuño de 2014), excepto no caso de substitución de motores.

Neste último caso, para a substitución ou modernización do motores principais ou auxiliares é preciso que:
- O buque pertenza a un segmento en equilibrio coas posibilidades de pesca segundo o artigo 22 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común. Este feito comprobarao a Administración de oficio mediante informe da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.
- O motor terá que ser certificado oficialmente de acordo co artigo 40, alínea 2, do Regulamento (CE) nº 1224/2009. Se o buque non ten que presentar certificación de potencia, verificarase a coherencia da potencia do motor de conformidade co artigo 41 do Regulamento (CE) nº 1224/2009 e inspeccionarase fisicamente para garantir que a potencia do motor non supera a establecida nas licenzas de pesca.

Ademais, a axuda destinada á substitución ou modernización de motores principais ou auxiliares poderá concederse soamente:
- Aos buques de ata os 12 m de eslora total: a potencia (kW) do motor novo ou modernizado sexa igual ou inferior á do motor existente.
- Aos buques de entre 12 m e 18 m de eslora total: a potencia (kW) do motor novo ou modernizado sexa cando menos un 20 % menor ca do motor existente.
- Aos buques de entre 18 m e 24 m de eslora total: a potencia (kW) do motor novo ou modernizado sexa cando menos un 30 % menor ca do motor existente.

Para as axudas recollidas en el artigo 6, letra b) o buque debe ter unha idade mínima de 5 anos.

Documentación:

Solicitude segundo o Anexo I.C Anexo II. Declaración responsable de non inicio do investimento, se é o caso. Anexo III.C. Formulario de investimento. Anexo IV. Declaración de non ter resolución desfavorable a un proceso de regularización. Anexo X. Conta de perdas e ganancias. Anexo XI. Balance de situación. Documentación complementaria:

Se o solicitante é unha persoa física:

Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España.

Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achegar a disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto segundo se describe no artigo 14 da orde reguladora.

Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución segundo se describe no artigo 14 da orde reguladora.

Se o solicitante é unha persoa xurídica:

Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

Poder suficiente da persoa representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

Imposto de sociedades do último exercicio económico pechado no que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

No caso de existir grupo empresarial, achegar certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España.

Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achegar a documentación económica-financeira que acredite a disposición dos recursos necesarios para realizar o proxecto segundo se describe no artigo 14 da orde reguladora.

Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución segundo se describe no artigo 14 da orde reguladora.

Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas físicas:

Anexo V. Pluralidade de persoas físicas.

Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

A conta bancaria sinalada neste anexo deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes. En caso contrario deberase achegar documento asinado por todas as persoas solicitantes, conforme non existe inconveniente en que se pague a axuda a esa conta.

Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, de cada solicitante.

Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achegar a disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto segundo se describe no artigo 14 da orde reguladora.

Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución segundo se describe no artigo 14 da orde reguladora.

Outra documentación complementaria:

Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso nos que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de cada solicitante, se é o caso.

Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de cada solicitante.

Resolución da axuda concedida para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado no caso de axudas concedidas por outras administracións distintas da Xunta de Galicia.

Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Facturas proforma, se é o caso, do investimento a realizar. Ademais, cando se trate de motores ou outros equipamentos: catálogos, especificacións e, se é o caso, certificado de importación.

Certificación actualizada do Rexistro de Bens Mobles, Sección de Buques, acreditativa da propiedade do buque e o estado de cargas ou gravames deste, ou solicitude da devandita certificación ante o Rexistro, sen prexuízo da achega da dita certificación previa a ditarse a proposta de resolución.

Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación de tela solicitada, sen prexuízo da achega da folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución.

Seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.

Autorización ou copia da solicitude de autorización da Consellería do Mar para a realización do investimento previsto no caso de que esta sexa necesaria, sen prexuízo da achega da autorización previa a ditarse a proposta de resolución.

Se a realización do investimento require proxecto técnico ou planos, deberá achegarse e estar asinado por técnico competente. Tamén deberá xuntarse en soporte informático: formato jpg ou pdf. Deberán achegarse os planos de antes e despois da realización do investimento que se solicita.

A presentación das solicitudes, no caso de persoas xurídicas e, no caso de persoas físicas que elixan comunicarse coa Administración de forma electrónica, realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade có establecido nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Só se admitirá unha solicitude por barco para unha liña de axudas. Opcionalmente, as persoas físicas, tamén poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria presentarase, no caso de persoas xurídicas e, no caso de persoas físicas que así o elixan, electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 28 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, no caso das persoas físicas (en orixinal ou copia cotexada e dúas copias) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Datos solicitude:

Prazo de presentación : 02/03/2017 - 03/04/2017.

Un mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de resolución : Tres meses

Sentido do silencio administrativo : Negativo

 

Asemar, asesoría de empresas en Vilagarcía de Arousa relacionadas relacionadas con la pesca, el marisqueo, y la acuicultura. Asemar ofrece a sus clientes un asesoramiento especializado y diferenciado, que les permite la obtención de los mejores resultados dentro del ámbito de sus negocios. Informamos de las ultimas subvenciones, noticias de interes y de los cambios importantes en la legislación en lo que al sector del mar se refiere para ayudar a nuestros clientes en el desarollo de su actividad.