Este sitio web utiliza Cookies propias y de terceros de análisis para recopilar información con la finalidad de mejorar nuestros servicios, así como para el análisis de su navegación. Si continua navegando, supone la aceptación de la instalación de las mismas. El usuario tiene la posibilidad de configurar su navegador pudiendo, si así lo desea, impedir que sean instaladas en su disco duro, aunque deberá tener en cuenta que dicha acción podrá ocasionar dificultades de navegación de la página web.

[ACEPTAR]      [CÓMO CONFIGURAR]
DETALLE DE LA SUBVENCIÓN

Axudas autonómicas para investimentos na frota pesqueira de Galicia (CONCOCATORIA CERRADA)

24 ene
2015
Axudas autonómicas para investimentos na frota pesqueira de Galicia (CONCOCATORIA CERRADA)

 

Prazo de presentación : 20/01/2015 - 19/02/2015.  

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.  

Prazo de resolución :  Sete meses 

Sentido do silencio administrativo : Negativo 


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros, selectividade e rendemento enerxético, ao abeiro do Regulamento (CE) 1198/2006, e establecer a convocatoria para o ano 2015.

A finalidade destas axudas é a de contribuír á modernización da frota pesqueira galega mediante o financiamento de investimentos a bordo dos buques pesqueiros sempre que estes investimentos poidan servir para mellorar a seguridade a bordo, as condicións de traballo, a hixiene, a calidade dos produtos, o rendemento enerxético e a selectividade, sempre que iso non aumente a capacidade pesqueira dos buques, así como a substitución dos motores, as artes de pesca e aqueloutros investimentos que reduzan os descartes, o impacto da pesca no ecosistema mariño e aqueles que protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes.

 

INVESTIMENTOS OBXETO DE SUBVENCION:

1. Poderán ser elixibles ao abeiro desta orde os investimentos que se realicen a bordo dos buques e que teñan as seguintes finalidades:
a) Mellora da seguridade a bordo do buque.
b) Mellora das condicións de traballo.
c) Mellora das condicións de hixiene.
d) Mellora da calidade dos produtos.
e) Mellora da selectividade.
f) Substitución do motor cos condicionantes do artigo 7 desta orde.
g) Substitución das artes de pesca por outras máis selectivas cos condicionantes do artigo 8 desta orde.
h) Mellora do rendemento enerxético (substitución de motor auxiliar).
i) Mellora do rendemento enerxético distinta da letra h), que acade: optimizar a xeración de enerxía en relación coa súa demanda no buque, o aproveitamento da enerxía residual, así como aqueles investimentos que reduzan o consumo de combustible no buque.

2. Tamén poderán ser elixibles aqueles investimentos que:
I) Permitan a conservación a bordo das capturas en que o seu descarte non estea autorizado.
II) Reduzan o impacto da pesca en especies non comerciais.
III) Reduzan o impacto da pesca nos ecosistemas e fondos mariños.
IV) Protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes, sempre que non aumenten o esforzo pesqueiro nin se prexudique a selectividade das artes de pesca e se adopten todas as medidas adecuadas para evitar que se lles produzan danos físicos aos depredadores.

3. Non se concederá ningunha axuda para o aumento da capacidade ou habilidade pesqueira.

4. Tampouco se concederá ningunha axuda para o aumento de capacidade das adegas, nin para aqueles investimentos non previstos no proxecto presentado coa solicitude de axuda; nin para aqueles que supoñan a conservación, substitución ou reparación de elementos salvo que comporte unha mellora substancial nestes.

5. Os investimentos ou gastos para os que se solicita a axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio dalgunha das maneiras indicadas no artigo 9. Cando o non inicio se acredite mediante declaración responsable, a data de referencia non poderá ser anterior á apertura do prazo de presentación de solicitudes. Con carácter excepcional, poderanse subvencionar investimentos realizados antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes sempre que previamente se autorice e se efectúe a comprobación do non inicio anticipada de acordo co número 6 do artigo 9.

6. Non serán subvencionables aqueles investimentos en que o importe da axuda resulte inferior a 600 euros.

BENEFICIARIOS:

Os propietarios de buques pesqueiros da 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques.

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:
a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.
b) Manter a propiedade do buque durante un período mínimo de cinco anos contados a partir do último pagamento da subvención. Se durante este período o beneficiario pretendese allealo, deberá xustificar tal petición á Consellería do Medio Rural e do Mar que, tras requirir a documentación que xulgue necesaria, en caso de autorizalo, resolverá cos condicionantes que considere oportunos. A transmisión non poderá dar lugar, en ningún caso, a un enriquecemento por parte do beneficiario da axuda.
Se o beneficiario é unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica propia, a agrupación non poderá disolverse ata que transcorran cinco anos desde o pagamento da axuda, aplicando o establecido no parágrafo anterior.
c) Manter o buque pesqueiro nun porto base da Comunidade Autónoma de Galicia durante un período mínimo de 5 anos contados desde a data contable do último pagamento da subvención.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación ou control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou calquera outro órgano de control competente, tanto nacional como comunitario, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.
f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.
g) Comunicarlle á consellería a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.
h) Comunicarlle á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.
i) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
j) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
k) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.


REQUISITOS:

a) O buque para o que se solicita o investimento ten que ter cinco anos ou máis, ter o seu porto base na Comunidade Autónoma galega e atoparse inscrito no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo de Frota Pesqueira Operativa.
Para os efectos desta orde, para calcular a idade do buque tomarase como data de inicio a de entrada en servizo do devandito buque e como data final o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria correspondente.
b) Ter a correspondente resolución de autorización para realizar os investimentos solicitados naqueles casos en que esta sexa necesaria.
Será necesaria a autorización para aquelas obras do buque que dean lugar á variación das características de manga, puntal, eslora total, eslora entre perpendiculares e material do casco, así como tamén para os cambios de motor propulsor ou potencia auxiliar do buque, modificación dos tanques de combustible e calquera outra reforma que poida afectar a estabilidade ou navegabilidade do buque.
c) No caso de buques cuxa primeira venda dos produtos que captura sexa en fresco e, polo tanto, obrigatoria en lonxa, o volume de vendas que se obteña da suma das notas de venda durante o ano anterior ao da convocatoria deberá ser superior ao 50 % da media obtida para ese porto base e polo tipo de frota segundo as agrupacións recollidas no número 2 do artigo 15 desta orde.
d) No caso de buques para os que a primeira venda dos produtos que captura non sexa obrigada en lonxa, o buque debe dispoñer da autorización para realizar a devandita venda.

Os beneficiarios da axuda deben estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que teñan unha sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, nin as que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, para o cal deberán cubrir o anexo IV.

Será requisito para ser beneficiario que o solicitante, para o buque para o que solicita axuda, teña constituído un seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.


DOCUMENTACIÓN:

•A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

- Anexo I desta orde, relativo ao modelo de solicitude de axuda.

- Anexo III, formulario das obras de investimento, debidamente cuberto nas correspondentes epígrafes de investimentos elixibles coa indicación do custo máximo previsto, sen IVE, e coa memoria xustificativa da subvencionabilidade dos investimentos.

- Anexo IV, declaración responsable relativa a pagamento de sancións, pesca ilegal e seguro de danos a terceiros.

- Só no caso de que o buque poida obter puntos polo establecido no artigo 15, punto 3, desta orde, deberá cubrir o anexo V, marcando o que proceda.

- Só no caso de que os solicitantes sexan una pluralidade de persoas físicas:

- Anexo VI. Declaración responsable coa porcentaxe de participación e a autorización para a consulta dos datos de identidade.

- Anexo VII. Compromiso de execución e de non disolución da agrupación ata que transcorran cinco anos desde o último pagamento.
•A documentación complementaria está formada por:

1. Acreditación da personalidade:

I. Se o solicitante é a persoa física propietaria do buque, copia cotexada do DNI só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, 10 de xullo).

II. Se o solicitante é unha persoa xurídica:
- Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.
- Certificación rexistral actualizada na que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.
- Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.
- Copia cotexada do DNI do representante só no caso de non autorización do representante ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, 10 de xullo).

III. Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas, deberán presentar:
- Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.
- Copia cotexada do DNI de cada un dos propietarios da embarcación, só no caso de non achegar o anexo VI de autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).
- De habelo, NIF da comunidade de bens ou sociedade civil.
- Copia cotexada da escritura de constitución e a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros, só no caso de non achegar o anexo VI. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación.

2. Autorización ou copia da solicitude de autorización para a realización do investimento previsto no caso de que esta sexa necesaria, sen prexuízo da achega da autorización previa a ditarse a proposta de resolución.

3. Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación de tela solicitado, sen prexuízo da achega da folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución.

4. Certificación actualizada do Rexistro de Bens Mobles, Sección de Buques, acreditativa da propiedade do buque ou solicitude da devandita certificación ante o Rexistro, sen prexuízo da achega da dita certificación previa a ditarse a proposta de resolución.

5. Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. Certificación do solicitante de que cada un dos investimentos non aumentan a habilidade pesqueira.

7. Facturas pro forma dos investimentos que se van realizar. Ademais, cando se trate de motores ou outros equipamentos: catálogos, especificacións e, de ser o caso, certificado de importación.

8. Só no caso de que o buque poida obter puntos polo establecido no artigo 15, punto 4, desta orde, deberá cubrir o anexo V e achegar a seguinte documentación:
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe I, será verificado de oficio pola Administración.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe II, deberá achegar copia dos estatutos da asociación onde se recolle este feito ou compromiso ante notario.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe III, copia cotexada do rol do buque.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe IV, copia cotexada do convenio colectivo ou indicación do convenio a que estea adherido.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe V, certificación da OP acreditativa deste aspecto.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe VI, certificación da organización promotora da dita medida.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe VII, copia cotexada do certificado da entidade facultada para acreditar este feito.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe VIII, documentación en que quede perfectamente acreditado este feito.
- No caso de obter puntos polo indicado na epígrafe IX, copia cotexada do contrato e documentación acreditativa da situación de discapacidade ou situación de exclusión social.
•Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude para cada buque en cada convocatoria. No caso de que no prazo establecido se presentase máis dunha solicitude, terase en conta unicamente a presentada en último lugar, e declararase a inadmisión da(s) outra(s).
•Considérase o mínimo imprescindible para a tramitación de solicitudes presentar os documentos seguintes:

- Anexo I asinado por persoa física; no caso de que quen asine o anexo I sexa o representante do(s) solicitante(s) deberá achegar tamén o poder en que conste tal representación.

- Anexo III debidamente cuberto nas epígrafes e coa memoria que xustifica a subvencionabilidade dos investimentos para cada un deles.

- Facturas pro forma dos investimentos que se van realizar. Ademais, cando se trate de motores ou outros equipamentos: catálogos, especificacións e, de ser o caso, certificado de importación.

- Autorización para a realización das obras obxecto de subvención ou copia da presentación da solicitude para realizar as devanditas obras, cando proceda.

- Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación da presentación da súa solicitude no seu defecto.

A non presentación da devandita documentación nos termos descritos dará lugar á inadmisión da solicitude.
•A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel (en orixinal e dúas copias) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
•Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
•No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
•As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
•No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Asemar, asesoría de empresas en Vilagarcía de Arousa relacionadas relacionadas con la pesca, el marisqueo, y la acuicultura. Asemar ofrece a sus clientes un asesoramiento especializado y diferenciado, que les permite la obtención de los mejores resultados dentro del ámbito de sus negocios. Informamos de las ultimas subvenciones, noticias de interes y de los cambios importantes en la legislación en lo que al sector del mar se refiere para ayudar a nuestros clientes en el desarollo de su actividad.