Datos solicitude.
Prazo de presentación : 14/02/2015 - 13/03/2015.
Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Prazo de resolución : Cinco meses
Sentido do silencio administrativo : Negativo
Esta orde ten por obxecto fixar o importe máximo, para o ano 2015, da convocatoria,para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo FEP, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.
Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2015 serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de outubro de 2015.
As bases reguladoras desta convocatoria serán as fixadas pola Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar, do 30 de decembro de 2013 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2014).
Proxectos obxecto de subvención
1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos, mediante o acondicionamento e rexeneración para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción.
2. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar nin os labores habituais de mantemento dos bancos propios da actividade marisqueira ordinaria.
3. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderase engadir ou modificar algún dos proxectos incluídos no artigo 6.1 da Orde do 30 de decembro de 2013.
Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:
a) Os de contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos.
b) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións.
c) Os de adquisición de semente de moluscos, coas seguintes condicións:
- Cando se trate de semente de ameixa procedente de posta inducida, esta non deberá ser maior de 18 mm.
- A ameixa procedente de bancos marisqueiros só se admitirá cando se trate de bancos catalogados como C, e por causas excepcionais suficientemente acreditadas. Non deberá ser maior de 35 mm no caso de ameixa fina ou xaponesa, ou de 30 mm no caso de ameixa babosa. Deberá garantirse unha permanencia no banco de destino de, polo menos, dous meses, ou prazo maior que se estableza na resolución.
- Non se aplicarán as anteriores limitacións no caso de sementeiras para rexeneración de bancos que sufrisen mortalidade masiva, suficientemente acreditada, pero non poderá comercializarse antes do prazo dun ano desde a sementeira.
- En calquera caso, requirirase permiso de inmersión segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.
d) Os de redacción de proxecto técnico cando este resulte exixible pola normativa aplicable e sempre que a actuación a que se refira resulte subvencionable.
Non serán subvencionables os gastos relativos a:
a) Alugamentos.
b) Adquisición de terreos e inmobles.
c) Adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.
d) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.
e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.
f) Gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.
g) Gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.
h) IVE, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.
i) Modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades do sector pesqueiro, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
Estas entidades son as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector, e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector.
Os beneficiarios deberán:
a) Realizar as actividades para as cales se conceda subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.
b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.
e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para que foi concedida a axuda de que se trate.
f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación ás subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
g) Facer constar expresamente a participación financeira do FEP en todas as actividades de difusión ou promoción relacionadas coa actividade subvencionada.
h) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o cal se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos. Durante este período, se o beneficiario pretender o cambio de destino do ben subvencionado, o seu alleamento, gravames ou substitución por outro ben análogo, deberá solicitar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar.
i) Manter os investimentos e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.
j) Informar o público sobre a axuda obtida, de conformidade cos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) nº 498/2007 e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
k) Manter un sistema de contabilidade separado que permita coñecer as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 59.d) do Regulamento do FEP.
Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2º e 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poder bastante para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.
No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.
A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.
Documentación