Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2018 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque e das lonxas, que melloren as condicións de traballo e a seguridade das persoas, tramitadas como expediente anticipado de gasto (DOG nº 11 do 16 de xaneiro de 2018).
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2018 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que modernicen as infraestruturas nos portos pesqueiros, lugares de desembarque e lonxas, para mellorar as condicións de traballo e a seguridade das persoas.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores de Galicia que realicen os investimentos e gastos que se consideren subvencionables.
Obrigas das beneficiarias.
1. As beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.
2. As beneficiarias deberán:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.
b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.
e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar a entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, EURATOM) nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.
g) Manter os investimentos obxecto de subvención durante cinco anos, polo menos, ou tres anos no caso de pemes, posteriores á súa realización, de acordo co previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.
h) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e á súa porcentaxe de financiamento, de conformidade co número 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, co capítulo II e anexo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
i) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.
j) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e á avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.
k) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberanse manter á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto. Neste caso deberase comunicar coa antelación suficiente.
Os documentos conservaranse en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais ou en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.
l) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiario/a aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Os operadores que se encontren nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.
b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
d) Ter incumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.
e) Non se lles concederán axudas ás empresas en crise de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crises.
Deberase utilizar como modelo o anexo A que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).
No caso de que o proxecto se poida desenvolver por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.
Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Prazo de presentación: 17/01/2018 - 16/02/2018.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio administrativo: Negativo