Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para investimentos produtivos, incremento da eficiencia enerxética e fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables, e para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede a súa convocatoria para o ano 2018, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 13 do 18 de xaneiro de 2018)
Esta orde, con código de procedemento PE205F, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas ás seguintes accións:
1. Modalidade A: axudas destinadas á realización das actuacións que a continuación se detallan, que teñen por obxecto o fomento dunha acuicultura sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva (artigo 48 (letras: a, b, c, d, f, h) do Regulamento UE 508/2014):
a) Investimentos produtivos na acuicultura.
b) Diversificar a produción acuícola e as especies cultivadas.
c) Modernizar os centros acuícolas.
d) Melloras e modernización relacionadas coa saúde e o benestar dos animais, incluída a adquisición de equipamentos destinados a protexer as explotacións dos predadores salvaxes.
e) Investimentos na mellora da calidade do produto acuícola ou para incrementar o seu valor.
f) Diversificar os ingresos das empresas acuícolas mediante o desenvolvemento de actividades complementarias.
2. Modalidade B: axudas destinadas a investimentos que aumenten a eficiencia enerxética e fomenten a reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables (artigo 48 letra k) do Regulamento UE 508/2014).
3. Modalidade C: axudas destinadas á obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico, co fin de mellorar o rendemento global e a competitividade das explotacións acuícolas e reducir o impacto ambiental negativo do seu funcionamento (artigo 49 apartado b) do Regulamento UE 508/2014).
As empresas acuícolas segundo dispón o artigo 46 do Regulamento UE 508/2014.
As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:
a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.
b) Axustar o custo de adquisición dos investimentos ou dos servizos subvencionables ao valor de mercado.
c) No caso de axudas concedidas a bens inscribibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe da subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.
d) Se o investimento solicitado na subvención é a construción ou modernización dun establecemento de acuicultura, deberanse cumprir obrigatoriamente as condicións sinaladas nas correspondentes autorizacións para levar a cabo os investimentos.
e) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:
– Cesar a actividade produtiva nin, no caso de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, disolverse ata que transcorra o devandito prazo.
– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.
– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento da infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.
– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.
A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento UE núm. 1303/2013.
f) Se o investimento é en infraestruturas ou en investimentos produtivos, deberá reembolsarse integramente a axuda se, nos dez anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, a actividade produtiva se sometese a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando a persoa beneficiaria sexa unha peme.
g) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable as persoas beneficiarias.
i) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.
j) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.
k) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.
l) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, cando a axuda sexa de 100.000,00 € ou superior ou cando o proxecto se estime relevante segundo se indique na resolución de concesión.
m) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, nin estar incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro.
n) Se o investimento comporta a xeración de residuos deberanse cumprir as condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na normativa sectorial.
As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:
a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.
b) Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Non ter cometido infracción grave:
Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.
Do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.
d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316 do 27 de novembro de 1995).
e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
f) Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).
g) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, con carácter xeral, serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos recollidos no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos recollidos no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.
h) No suposto de novas construcións de bateas, ter unha produción declarada no ano anterior ao da convocatoria que supere o 50 % da media da produción, da súa especie, do polígono no que se encontra fondeada, segundo informe emitido polo Servizo de Análises e Rexistros, tendo en conta as bateas que forman a estrutura ou unidade de produción desa especie do solicitante no dito polígono.
Para tal efecto, cómpre que o solicitante teña efectuadas as preceptivas declaracións no ano 2017.
Quedan exceptuadas deste requisito as bateas de carácter experimental.
i) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil do establecemento que garanta posibles danos a terceiros e, no caso de que a axuda se solicite para a modernización de barco auxiliar de acuicultura, deberá estar en posesión, ademais, do seguro da embarcación.
j) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos ou ter presentadas as súas solicitudes. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias dos presentados para a obtención dos permisos.
k) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
l) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
As posibles persoas beneficiarias, ao formalizar a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.
a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.
b) Copia do poder de representación do representante legal da entidade solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.
c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.
d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.
e) Imposto de sociedades do último exercicio económico pechado en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
f) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.
g) No caso de existir grupo empresarial, achegar certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas polo solicitante ou certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas, onde o solicitante estea incluído por consolidación, do último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.
h) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
i) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP.
j) Certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Justicia.
a) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.
b) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.
a) Documento de constitución da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, se é o caso.
b) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de cada persoa solicitante, se é o caso.
c) No caso de comunidades de bens ou agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica que estean en réxime de atribución de rendas: «Modelo 184 de declaración informativa de entidades en réxime de atribución de rendas».
d) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias, de cada solicitante en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
e) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España de cada solicitante, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.
f) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica que dispoñan de NIF: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Justicia, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non ten sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP.
g) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica que dispoñan de NIF: certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Justicia.
Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens ou servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. Neste suposto, a presentación da solicitude deberá incluír o anexo VI desta orde. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
Para os efectos deste punto, enténdese por «estar entrando no sector», ser unha empresa nova, entendéndose que será aquela que obtivese o título habilitante nun prazo máximo de dous anos anteriores á publicación da presente orde, ou ser unha empresa antiga con establecemento novo coa mesma característica temporal para este. E en ambos os casos, que non obtivesen ningunha axuda do FEMP.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude (anexo I, anexo IV ou anexo V) e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.
Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de presentación: 19/01/2018 - 19/02/2018.
Para esta convocatoria do ano 2018 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Prazo de resolución: Seis meses
Sentido do silencio administrativo: Negativo