Este sitio web utiliza Cookies propias y de terceros de análisis para recopilar información con la finalidad de mejorar nuestros servicios, así como para el análisis de su navegación. Si continua navegando, supone la aceptación de la instalación de las mismas. El usuario tiene la posibilidad de configurar su navegador pudiendo, si así lo desea, impedir que sean instaladas en su disco duro, aunque deberá tener en cuenta que dicha acción podrá ocasionar dificultades de navegación de la página web.

[ACEPTAR]      [CÓMO CONFIGURAR]
DETALLE DE LA SUBVENCIÓN

SUBVENCIONES GALP

12 feb
2020
SUBVENCIONES GALP

PE155A - Axudas autonómicas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas.

Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP), aprobados pola Consellería do Mar, aos grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP).

2. Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A da Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia.

Proxectos .

1. Os proxectos que se presenten poderán ser para investimentos produtivos ou para investimentos non produtivos.

 

2. Defínense como investimento produtivo: as actividades que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñan a creación e/ou mantemento de emprego.

Naqueles supostos de proxectos para investimentos produtivos que se amparen no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro), exixirase a creación, como mínimo, dun posto de traballo a tempo completo (1 UTA).

3. Defínense como investimento non produtivo: as actividades que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectas a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter os proxectos de interese público que, incluso constituíndo unha actividade económica ou estando afectados a unha actividade económica, non incidan sobre o réxime de competencia no territorio de que se trate.

4. Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Contribuír aos obxectivos da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada para a zona pesqueira onde se vaian desenvolver.

b) Estar localizados no ámbito territorial elixible de cada GALP.

c) Ser viables técnica e economicamente.

d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

 

Prazo

Prazo de presentación: ABERTO

01/02/2019 - 01/03/2021

 

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas ao longo de todo o período do programa operativo 2014-2020 ata o 1 de marzo de 2021. /

2. Coas solicitudes presentadas ata o 1 de marzo de cada ano realizarase, para cada GALP, unha primeira fase de adxudicación de axudas. /

3. De non esgotarse o crédito orzamentario para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha nova fase de adxudicación de axudas, coas solicitudes presentadas ata o 1 de setembro de cada ano, co límite do crédito dispoñible. De non existir crédito orzamentario ou no caso de non resolver as solicitudes correspondentes á primeira fase de adxudicación, a segunda fase non terá lugar e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro ditará resolución neste sentido, que será comunicada aos GALP. /

4. A última resolución de concesión realizarase con anterioridade ao 1 de setembro de 2021. 

A quen vai dirixido?

Beneficiarios de proxectos de investimento produtivo .

Poderán ser beneficiarios dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroado ou ter o seu domicilio social e fiscal nalgún concello do ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

c) Cando o beneficiario sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos seus estatutos.

d) No caso de municipios densamente poboados nos cales na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:

 

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

No caso de que a persoa xurídica desenvolva actividades noutros sectores, deberán acreditar no momento da solicitude que a maior parte da súa facturación provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares. Enténdese por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose un/unha pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.

3º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

e) Os beneficiarios dos proxectos produtivos limitaranse á categoría de peme, excepto as entidades públicas de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

f) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

1º. Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

2º. Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

3º. Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida no punto 3º do parágrafo anterior.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Beneficiarios de proxectos de investimento non produtivo .

1. Poderán ser beneficiarios dos proxectos de investimento non produtivo:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro que teñan, entre os seus obxectivos, algún dos seguintes:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro.

2. Unicamente serán admisibles para tramitar a axuda aqueles proxectos directamente relacionados coas actividades principais que figuren no obxecto social das asociacións e entidades mencionadas no punto anterior.

3. Nos municipios densamente poboados nos cales na EDLP non computa a totalidade da poboación, poderán ser beneficiarias as entidades indicadas nas letras a), b), c) e d) do punto 1, cuxos proxectos estean dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro e aos seus familiares, ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

4. Ademais, as entidades cumprirán os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social e fiscal no ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

Beneficiarios conxuntos .

1. As entidades sinaladas nos artigos 6 e 7 poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorran os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A onde acudir

CONSELLERÍA DO MAR

DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO PESQUEIRO

SUBDIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO PESQUEIRO

SERVIZO DE DESENVOLVEMENTO DAS ZONAS DE PESCA

Rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546147 / 981546150

Fax: 981546138

Email: galp.cm@xunta.gal

http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/o-sector/grupos-de-accion-local-do-sector-pesqueiro

 

Normativa

Ámbito Autonómico

Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2019).

Ligazón á normativa

Extracto da Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2019).

Ligazón á normativa

 

Documentación para a presentación

  • As solicitudes irán dirixidas ao grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) e axustaranse ao formulario normalizado que figura como anexo I.
  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público e, en concreto, as persoas ou entidades sinaladas no artigo 7 como beneficiarias de proxectos de investimento non produtivos.

 

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • Para a presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar as solicitudes de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Así mesmo, poderán presentarse en soporte papel no rexistro de cada un dos GALP sitos nos lugares que se indican na páxina web http://mar.xunta.gal.

  • As solicitudes virán asinadas, de ser o caso, polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.
  • A presentación da solicitude de axuda comporta a autorización aos órganos instrutor e concedente para solicitar as certificacións correspondentes á Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á consellería competente en materia de economía e facenda.
  • Formará parte de cada solicitude unha declaración responsable na cal se farán constar os seguintes aspectos:
    • a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
    • b) Que as persoas non se encontren en ningún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir, que:
      • 1º. Non cometeron infracción grave de acordo co artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.
      • 2º. Non estiveron involucradas na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados países terceiros non cooperantes segundo se establece no seu artigo 33.
      • 3º. Non cometeron infraccións graves da política pesqueira común (PPC).
      • 4º. Non cometeron ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, no caso de presentar unha solicitude de axuda ao abeiro do título V, capítulo II, do Regulamento (UE) nº 508/2014.
      • 5º. Non cometeron fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
    • c) Non foron sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
    • d) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
    • e) A condición de peme.
    • f) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/ C249/01).

Incluirase a información sobre outras axudas de minimis cubertas polo Regulamento (UE) nº 1407/2013 ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e sobre os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

  • A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.

Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto cun índice ordenada, segundo se indica:
    • a) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:
      • i. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo cal se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude e citarase citando a disposición que recolle a competencia.
      • ii. Certificación do órgano competente onde se acredite o desempeño actual do cargo.
      • iii. Copia da escritura de constitución ou dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente ou ben nota simple do Rexistro Mercantil na cal figuren, como mínimo, os datos xerais da entidade (denominación, domicilio, NIF, obxecto social, código CNAE) e os relativos á súa representación social. A actividade en que consista o proxecto presentado para a solicitude de axuda deberá estar incluída no obxecto social da persoa xurídica solicitante con anterioridade á data da solicitude.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores e as súas federacións por estar xa a dita documentación en poder da Consellería do Mar.

  • b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:
    • 1º. Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de producir efectos independentes, farase constar de maneira expresa e describirase cada unha delas independentemente.

Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores previstos nos regulamentos (UE) nº 1242/2014 e (UE) nº 1243/2014, segundo a medida do FEMP en que se encadre o proxecto.

  • 2º. Plan económico no cal se indique que parte corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional, así como a forma de financiamento da actividade ata recibir a axuda.

Cubriranse nos modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal.

No orzamento detallado de cada unha das accións propostas, o IVE deberá vir separado e xuntarase a documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.). O orzamento deberá estruturarse en conceptos detallados e coincidentes cos orzamentos e facturas pro forma, así como coas facturas que se presenten na fase de xustificación das axudas.

  • 3º. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

As entidades públicas locais poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa xunto coa solicitude de pagamento, achegando unha certificación das propostas ou ofertas recibidas para a contratación de que se trate, xunto coa resolución ou acordo de adxudicación definitiva.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención ou coa xustificación, de ser o caso, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse a elección expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

  • c) Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, de ser o caso.

Naqueles casos en que exista un recoñecemento administrativo previo do dereito ás exencións previstas no artigo 20, un, 6º e 12º da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, remitirase esa resolución administrativa ou calquera outra certificación ou documento da AEAT en que figure esa exención.

No caso de entidades públicas de carácter local, deberá achegarse un certificado do secretario do concello ou do órgano competente na entidade local de que se trate conforme que o IVE soportado non é recuperable e a entidade non ten a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, parágrafo primeiro da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

  • d) Proxecto técnico de execución valorado, se é necesario.

Nos supostos de operacións que inclúan un acto de edificación ou calquera outra actuación das sometidas a licenza urbanística municipal, deberá presentarse proxecto técnico completo e valorado redactado por técnico competente.

Nos supostos de operacións que inclúan actos de edificación, intervencións en edificios existentes ou uso do solo e subsolo sometidos ao réxime de comunicación previa para o seu control municipal, deberá presentarse unha descrición técnica das características do acto de que se trate ou, de ser o caso, proxecto técnico legalmente exixible de conformidade co establecido no artigo 361.1.b) do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en ambos os casos con medición desagregada por partidas e prezos unitarios delas.

  • e) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso e desfrute ou propiedade dos bens relacionados co proxecto. A acreditación deberá realizarse mediante escritura pública de compravenda ou certificado do rexistro da propiedade, mediante escritura pública de cesión ou contrato de alugamento por un período mínimo de 10 anos ou mediante documento acreditativo dunha concesión administrativa prorrogable ata un período mínimo de 10 anos desde a data da solicitude da axuda.
  • f) Para acreditar a condición de familiar, para os efectos previstos no artigo 6.d), deberase presentar a seguinte documentación:
    • 1º. Libros de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar e/ou documentación acreditativa do parentesco.
    • 2º. Documentación que acredite a condición de pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a ou traballador/a do sector pesqueiro dun membro da unidade familiar.
    • 3º. Informe de vida laboral da persoa a que se refire o punto 2º.
  • g) Informe da Seguridade Social de traballadores en alta na data da solicitude.
  • h) De tratarse dun proxecto de investimento produtivo, tamén terá que presentar a declaración censal de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores (modelos 036/037), ou certificación da exención, de ser o caso, do imposto sobre actividades económicas (IAE).
  • i) Documentación acreditativa da condición de peme (anexos II A e II B). Para determinar a condición de peme terase en conta o número de persoas ocupadas no último exercicio (incluíndo, de ser o caso, o propietario, administrador ou familiares que traballen na empresa e legalmente incluídos no réxime de autónomos) e volume de negocios (impostos incluídos).

No suposto de sociedades de capital, estes datos calcularanse da seguinte forma:

– Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.

– Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial ás cales se sumarán, se é o caso:

• Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

• A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas en que participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

Se a empresa é de nova constitución, os datos que se van considerar serán os provisionais.

En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, debe indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de empregados desas empresas. Deberá xuntarse, ademais, a fotocopia das contas desas empresas presentadas no Rexistro Mercantil correspondentes ao último ano.

  • j) Para verificar o cumprimento de non ser unha empresa en crise, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración, incluída no anexo II A, de non encontrarse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.
  • k) Calquera outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.
  • No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), c), f), g), h), i), j) e k) do número anterior por cada un dos solicitantes.

Ademais, engadirase:

  • a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.
  • b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.
  • c) Declaración responsable de cada unha das persoas, de acordo co anexo III.
  • No caso de proxectos de cooperación con promotores doutros grupos, sinalarase expresamente na solicitude, e deberá presentarse o proxecto de cooperación coa indicación dos cooperantes e grupos a que pertencen, así como os compromisos que adquire cada un deles.
  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente pola vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, así como no rexistro do GALP correspondente.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
  • No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Comprobación de datos .

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da/das persoa/s solicitante/s e/ou do/dos representante/s legal/is, de ser o caso.
  • b) NIF da persoa xurídica ou entidade solicitante.
  • c) Certificado de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante.
  • d) Domicilio fiscal da persoa xurídica solicitante.
  • e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
  • f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
  • g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
  • h) Concesións doutras subvencións e axudas.
  • i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
  • j) Concesións pola regra de minimis.
  • k) Imposto de actividades económicas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexos I e V) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención destes datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Asemar, asesoría de empresas en Vilagarcía de Arousa relacionadas relacionadas con la pesca, el marisqueo, y la acuicultura. Asemar ofrece a sus clientes un asesoramiento especializado y diferenciado, que les permite la obtención de los mejores resultados dentro del ámbito de sus negocios. Informamos de las ultimas subvenciones, noticias de interes y de los cambios importantes en la legislación en lo que al sector del mar se refiere para ayudar a nuestros clientes en el desarollo de su actividad.