Ampliacion De La Duracion De Las Concesiones Administrativas

LEI 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
Sección 2ª. Pesca
Artigo 66. Duración das concesións
Un. Modifícase o artigo 53 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, que
queda redactado como segue:
«Artigo 53. Duración
As concesións outorgaranse por un período máximo de dez anos, prorrogables por períodos
de dez de se demostrar a rendibilidade e o bo uso da explotación, ata un máximo
de cincuenta anos, por pedimento da persoa concesionaria, e cunha antelación mínima de
tres meses ao vencemento da concesión».
Dous. Modifícase o artigo 61 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia,
que queda redactado como segue:
«Artigo 61. Duración da concesión
As concesións outorgaranse por un período de dez anos, prorrogables por períodos de
dez, ata un máximo de cincuenta anos, por pedimento da persoa concesionaria».
Artigo 67. Concesións experimentais
Un. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 56 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de
pesca de Galicia, que queda redactado como segue:
«Con carácter experimental, e nunca por un período superior aos cinco anos, poderase
outorgar unha concesión experimental na zona marítimo-terrestre para a realización de
proxectos de investigación ou de proxectos que introduzan innovacións substanciais na
explotación, nos artefactos e nas especies, nas condicións que regulamentariamente se
establezan».
Dous. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 65 da Lei 11/2008, de 3 de decembro,
de pesca de Galicia, que queda redactado como segue:
«Con carácter experimental, e nunca por un período superior aos cinco anos, poderase
outorgar unha concesión experimental na zona marítima para a realización de proxectos
de investigación ou de proxectos que introduzan innovacións substanciais na explotación,
nos artefactos e nas especies, nas condicións que regulamentariamente se establezan».
Artigo 68. Prórroga extraordinaria dos títulos habilitantes para o exercicio da acuicultura
Engádese unha disposición adicional décimo cuarta á Lei 11/2008, do 3 de decembro,
de pesca de Galicia, co seguinte contido:
«Disposición adicional décimo cuarta. Prórroga extraordinaria dos títulos habilitantes
para o exercicio da acuicultura
1. Os titulares de establecementos de acuicultura que ocupen dominio público marítimoterrestre
poderán solicitar, sempre e cando o título fose outorgado antes da entrada en
vigor da Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral, perante o órgano
competente en materia de acuicultura, a prórroga extraordinaria do título habilitante antes
de que finalice a vixencia da última prórroga outorgada.
A solicitude da prórroga extraordinaria do título habilitante para o exercicio da acuicultura
presentarase cunha antelación máxima de seis meses ao vencemento do prazo de
vixencia do permiso de actividade.
Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, e sempre que non fose expresamente
extinguido o título que habilita para o exercicio da actividade, o titular do establecemento
poderá presentar a solicitude fóra dos prazos establecidos nos parágrafos
anteriores.
2. A duración da prórroga extraordinaria será a mesma e abranguerá o mesmo período
que a outorgada polo órgano competente estatal en materia de ocupación demanial, e en
ningún caso poderá exceder de cincuenta anos.
O prazo máximo establecido no presente artigo poderá ampliarse nunha quinta parte
nos supostos establecidos no artigo 175 do Regulamento xeral de costas e sempre e
cando o órgano competente en materia de ocupación demanial outorgase previamente a
devandita ampliación.
3. A solicitude da prórroga extraordinaria dos títulos habilitantes incursos nun procedemento
de extinción non suspenderá os efectos deste. En todo caso, a resolución de extinción
será causa suficiente de denegación da solicitude da prórroga extraordinaria do título
habilitante.
4. O establecido na presente disposición adicional non será de aplicación aos títulos
habilitantes de actividade da acuicultura en zonas de servizo dos portos nin aos titulares de
permisos de actividade experimental».
